Thursday 02 de May de 2024

A Xunta de Galicia reforza a colaboración coas asociacións do traballo autónomo en materia de seguridade e saúde laboral


A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade presentou na última Mesa do Emprego Autónomo as iniciativas específicas para o colectivo coas que quere reducir a sinistralidade na construción ou nos traballos forestais

A Estratexia Seguridade o Saúde no Traballo de Galicia prevé o impulso de actuacións en materia preventiva entre os profesionais por conta propia como liña de actuación

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, a través do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), reforzará este 2024 a relación coas entidades que representan o traballo por conta propia, para avanzar na consolidación dunha auténtica cultura da prevención no colectivo. O departamento expuxo na última Mesa do Emprego Autónomo as principais campañas coas que quere facer énfase nas actividades con maiores riscos como a construción, os traballos forestais ou na exposición a químicos.
O Goberno galego quere facer fincapé nas actividades con máis riscos, no marco das previsións da Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo, coa que Galicia aspira a crear contornos de traballo seguros, saudables e sustentables.
O Issga promoverá, así, campañas e accións formativas cara a mellorar a produtividade e a imaxe nas distintas actividades económicas. Ofrece ás asociacións o asesoramento técnico necesario e a información precisa para acadar que os traballadores autónomos tamén sexan permeables a esta cultura da seguridade.
Entre as iniciativas novas e de continuidade, o Issga incidirá en evitar as caídas de altura na construción e nos traballos con escada. Tamén na prevención de riscos nos traballos forestais, con campañas deseñadas desde a óptica da pequena empresa e dos autónomos.
A Xunta de Galicia leva tempo traballando tamén co colectivo de redeiras e mariscadoras, moitas delas autónomas, co propósito de abordar melloras de saúde laboral neste sector altamente feminizado.
Na mesma liña, o Issga ven de presentar en Previsel, o salón da prevención de riscos celebrado en Ourense, unha campaña para o traballo seguro de tipo ergonómico e cos produtos químicos dos centros de estética e peiteado.
A Xunta de Galicia anunciou unha maior implicación e accións específicas no que concirne á seguridade e saúde laboral para integrar a prevención no emprego autónomo da man das súas entidades. Eses contactos comezaron a materializarse na última Mesa que o colectivo comparte co Goberno galego, na que este se ofreceu a atender as demandas dos traballadores no marco das súas competencias.